O Concello inviste máis de 50.000 euros na reparación do camiño dende a estrada da Rotea ata o Alto de Parada

O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 50.000 EUROS NA REPARACIÓN DO CAMIÑO DENDE A ESTRADA DA ROTEA ATA O ALTO DE PARADA

As obras forman parte do programa de intervencións do Goberno municipal nos camiños rurais e foron cofinanciados a través de Agader

O Concello do Rosal continúa coa súa aposta estratéxica pola mellora dos camiños rurais, nos que se están a acometer diferentes intervencións para aumentar a seguridade viaria e o confort de usuarios e usuarias nas parroquias do municipio. Neste camiño, o Goberno municipal vén de rematar os traballos de mellora do vieiro dende a estrada da Rotea ata o Alto da Parada, un vieiro incluído dentro de parcelas agrícolas que presentaba zonas con importantes danos.

Os traballos levados a cabo permitiron a restauración das características superficiais do pavimento, corrixindo as irregularidades que presentaba a estrada e realizando obras complementarias como o bacheado, o recrecido de pozos e rexas, o corte do pavimento ou o roce e limpeza das marxes do vieiro.

Como sinala o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, “tratase dunha intervención moi necesaria que formaba parte do plantexamento estratéxico posto en marcha polo Concello para ofrecer á nosa veciñanza unhas infraestruturas axeitadas que permitan mellorar a mobilidade”.

Esta obra de mellora do camiño dende a estrada da Rotea ata o Alto da Parada supuxeron un investimento de máis de 50.000 euros, financiados con fondos propios do Concello e a través do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia.