O Concello lembra a obriga de manter limpas parcelas e fincas

O CONCELLO LEMBRA A OBRIGA DE MANTER LIMPAS PARCELAS E FINCAS

A correcta xestión da biomasa é fundamental para evitar incendios

O Concello do Rosal lembra a toda a veciñanza que as e os propietarios de parcelas deben dar cumprimento á ordenanza municipal de xestión de biomasa, que contempla a obrigada limpeza das fincas, incluído o desbrozado e a retirada de especies arbóreas. Todos estes traballos deben realizarse cada ano antes do 30 de maio, xa que unha vez transcorrida esta data tanto a administración local como calquera persoa pode poñer en coñecemento do Concello o incumprimento da xestión da biomasa presentando unha instancia a través do Rexistro Xeral municipal. As persoas interesadas poden resolver dúbidas achegándose ao Concello e solicitando cita para falar co técnico forestal.

“A limpeza das nosas fincas é fundamental para minimizar o risco de incendios forestais”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callis, que salienta que dende o Concello “estamos decididos a adoptar unha política activa de prevención para defender non só os nosos montes e terreos forestais, senón tamén ás persoas e aos bens que poden afectar os lumes”.

Por lei, deben limparse todos os terreos situados en núcleo rural, urbano e na faixa secundaria de 50 metros. En caso de non facelo as e os propietarios, o Concello vese na obriga de facer a correspondente notificación, competencia que no caso de terreos fóra destas zonas pasará a outras administracións. A normativa municipal tamén establece como deben facerse as limpezas dependendo do tipo de especies que hai en cada parcela. “Achégase a época máis crítica do ano e todos e todas debemos sumar e ser corresponsables para evitar danos irreversibles”, recalca a rexedora.

Nestes intres a Consellería de Medio Rural ten prohibidas as queimas agrícolas e forestais. Para eliminar os restos vexetais o Concello do Rosal dispón dun servizo gratuíto de préstamo de biotrituradoras eléctricas co que desfacerse dos restos leñosos de podas domiciliarias. Pode solicitarse xa a través da páxina web de medio ambiente do Concello do Rosal ou no propio Concello. Só é necesario darse de alta no servizo, seleccionar día e hora e recollela nas instalacións municipais. Os préstamos serán por unha semana e as datas ou horarios solicitados poden ser modificados polo departamento de Medio Ambiente en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.