
22 Mar 2023 O CONCELLO MELLORARÁ VARIOS CAMIÑOS NAS PARROQUIAS DE SANTA MARIÑA E SAN MIGUEL DE TABAGÓN
Vén de sacar a licitación as obras en rúas e tramos por case 97.000 euros
O Concello do Rosal segue avanzando na súa aposta estratéxica pola recuperación de estradas e rúas do municipio. Neste camiño, o Goberno municipal vén de sacar a licitación a mellora de varios camiños e tramos nas parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón, unhas obras que contarán cun investimento de case 97.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.
“Estes traballos forman parte do proxecto que puxemos en marcha para a mellora progresiva dos camiños rosaleiros, garantindo o seu mantemento e recuperación, empezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia pola veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As actuación contemplan a mellora de camiños que na actualidade están asfaltados pero presentan un importante deterioro da capa de rodadura, incluso coa aparición de fochancas que provocan un paso irregular, e que “están en núcleos rurais de poboación no que existe un tránsito habitual de vehículos que fai moi necesaria a súa intervención”.
Na parroquia de Santa Mariña acometeranse traballos de mellora no Camiño da Chanqueira e as interseccións co Camiño do Xestal e coa Subida ao Picón, todos eles situados en Fornelos-As Cruces. En Pancenteo as obras serán no Camiño do Lavadoiro, na Transversal 1ª e no Camiño do Sestelo. Pola súa banda, na parroquia de San Miguel de Tabagón as estradas a mellorar serán un tramo do Camiño da Cumieira, no Morán, e un tramo da rúa da Estrada, en Pías.
Os traballos nestas estradas terán un mes de execución. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de abril.