O CONCELLO PIDE A COLABORACIÓN CIDADÁ PARA LOITAR CONTRA AS PERSOAS QUE ENSUCIAN O ENTORNO

O Concello do Rosal ven traballando intensamente dende hai anos en labores medioambientais, e pode dicirse que somos referentes na comarca en recollida selectiva de residuos, así como en compostaxe doméstica e concienciación cidadá con campañas de educación medioambiental (campañas porta a porta e nos centros educativos). Por iso estamos tremendamente afectados ao comprobar a falta de ética e responsabilidade de certos veciños/as, ben é certo que son casos aillados pero que ensombrecen a labor da administración e de toda a veciñanza que si está comprometida por manter un Rosal limpo e verde.
Esta fin de semana apareceron no exterior dos colectores do Camiño da Torre-Cruce coa Estrada da Pousa, e do Camiño da Cachariña-Cruce con Camiño da Cunchada, colchóns, libros, libretas e apuntes, roupa, unha cadeira de bebé, xoguetes vellos… A imaxe que isto provocaba era de total sucidade e abandono, ocasionando malestar entre os veciños e veciñas da zona.
O Concello vai a poñer da súa parte todo o interese en atopar ás persoas responsables coa intención de sancionalas pola falta cometida.
É importante que aqueles veciños e veciñas que vexan ou sexan testemuñas dalgún tipo de contaminación, non dubiden en polo en coñecemento do Concello para tomar as medidas pertinentes.
No Rosal existe o PUNTO LIMPO que ten un amplo horario de mañá e/ou tarde para facilitar así as dificultades horarias dos veciños/as.
Todos aqueles residuos que non poidan ser depositados nos colectores habilitados nas rúas (voluminosos, tóxicos, ou non reciclables) deben ser levados ao PUNTO LIMPO que existe no camiño das Aceñas.
Recordamos unha vez máis que o HORARIO de recollida é os martes e xoves de 15.00 a 18.00h e os sábados de 10.00 a 13.00 h.
Se existen dúbidas sobre os horarios, os criterios de selección de residuos ou calquera outra cuestión, poden consultar no propio concello ou co persoal do punto limpo.
Pero sobre todo, pense antes de ensuciar que é doado evitalo.
O ROSAL LOCE MELLOR SE O COIDAMOS ENTRE TODOS/AS.