O CONCELLO PON EN MARCHA UN SERVIZO DE AUTOBÚS PARA A FEIRA DO VIÑO DO ROSAL

Habilitaranse dúas liñas con saídas dende A Guarda, Tomiño e Tui. O prezo será de 2 euros

 Tras a volta á normalidade na XXX edición da Feira de Viño do Rosal, o Concello do Rosal pon de novo en marcha un servizo de transporte público para aquelas persoas que queiran acudir a gozar da feira na Praza do Calvario sen ter que usar o vehículo privado. “Queremos facilitar a todas as persoas o desprazamento para que poidan desfrutar dunha Feira do Viño do Rosal de forma tranquila e segura”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, os días 7, 8 e 9 de outubro habilitaranse dúas liñas con diferentes percorridos e horarios que unirán A Guarda e Tui co centro do Rosal. Así, haberá un autobús circular con saída dende San Xian que percorrerá Portecelo, A Guarda, Pancenteo, Marzán, Novás, Fornelos e O Calvario para volver ao punto de saída. Esta liña terá unha frecuencia de un autobús cada hora dende as 21.30 ata as 01.30 horas o venres 7, de 19.30 a 01.30 o sábado 8 e de 19.30 a 21.30 o domingo.

Pola súa banda, o Concello tamén habilitará unha liña circular con saída dende Tui e Tomiño que pasará por As Eiras, Tabagón, San Miguel, Pías, A Cumieira e O Calvario. O horario de saídas deste autobús será de 20.45 a 00.30 horas o venres, de 18.30 a 00.30 horas o sábado e ás 19.00 horas o domingo 9.