O Concello pon en marcha unha nova edición do Espazo Crianza

O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA NOVA EDICIÓN DO ESPAZO CRIANZA

O obxectivo é ofrecer espazos de encontro para mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses para acompañalas na crianza. Comeza o 18 de xaneiro e será de balde con inscrición previa

O Concello pon en marcha unha nova edición do Espazo CrianzaO Concello do Rosal abre unha nova edición do seu Espazo Crianza, ‘Criar en tribo’, un lugar de encontro e acompañamento que ofrecerá a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos.

“Ofrecemos a pais e nais un espazo no que compartir vivencias, reflexións, pensamentos e aprendizaxes, un espazo de coidado, respecto e diálogo sobre todo o que lles pode inquietar relacionado co embarazo, a maternidade e a crianza consciente nun momento no que estamos expostos e expostas a un exceso de información que pode xerar moita inseguridade”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A actividade será de balde e estará impartida por Diana Ayude, que conta cunha ampla experiencia como matrona en diferentes hospitais e que acompañará ás familias neste espazo de coidado e aprendizaxe. En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas de grupo e prácticas, adaptándose ás necesidades das e dos participantes para un encontro enriquecedor e didáctico.

Por un lado haberá un grupo de acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais con sesións quincenais os mércores de 10.30 a 11.45 horas que comezarán o vindeiro 18 de xaneiro e nos que se tratarán aspectos como os cambios físicos e psicolóxicos no embarazo, as técnicas de relaxación, o plan de parto ou o mapeo do ventre. Ademais desta preparación para o parto tamén se abordará cuestións como parto consciente ou o posparto en compañía.

O mesmo mércores 18 comezarán tamén os encontros para familias con bebés de 0 a 6 meses para traballar nunha crianza respectuosa na que pais e nais aprenden a entender ao neno ou nena e as súas necesidades. Nestas sesións quincenais, que serán de 12.00 a 13.15 horas, trataranse temas como os coidados do bebé, a súa alimentación ou a estimulación do seu desenvolvemento.

As persoas interesadas en participar deberán facer unha inscrición previa a través do formulario dispoñible na web e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar. As sesións rematarán o vindeiro mes de maio.