O CONCELLO PORÁ EN MARCHA ESTE VERÁN RUTAS GUIADAS POLOS MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN E A SENDA DOS PESCADORES

Realizaranse os meses de xullo e agosto para grupos reducidos acompañados por un guía especializado.

Este verán as medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID-19 desaconsellan tanto a presenza de público en espazos reducidos como o reparto de material informativo en papel, polo que o Concello do Rosal decidiu non abrir ao público a oficina de turismo que está ao pé dos Muíños do Folón e do Picón. A información estará dispoñible en paneis informativos ao longo da ruta e na páxina web municipal. Ademais, o Concello do Rosal porá en marcha durante os meses de xullo e agosto un servizo de rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores. Trátanse de rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán os distintos recunchos da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia.

Para poder garantir as distancias de seguridade entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención marcados polas autoridades sanitarias, os grupos estarán limitados a 10 persoas. As saídas estableceranse para:

  • os Muíños do Folón e do Picón luns ás 10.30 h e luns e martes ás 19.30 h.
  • a Senda dos Pescadores os martes ás 10.30 h.

En función da demanda, o Concello estudará a posibilidade de ampliar a frecuencia das rutas e valorará a apertura dunha quenda para visitar os Muíños do Folón e do Picón os sábados pola mañá sempre que se poidan garantir todas as medidas de seguridade. A iniciativa arranca escollendo luns e martes como día de ruta pola menor frecuencia de visitantes a esas zonas, ademais de converterse nunha boa alternativa de lecer os días que habitualmente pechan ao público outras actividades como as museísticas.

As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e para participar nelas haberá que reservar previamente a través da web do Concello. O formulario de inscrición habilitarase ao longo do mes de xuño.

Información das rutas

Nesta nova realidade post-COVID, as autoridades sanitarias desaconsellan o reparto entre a poboación de información turística en calquera formato físico. Por este motivo, en lugar do tradicional material que se entregaba aos visitantes no punto informativo dos Muíños do Folón e do Picón, o Concello optou por poñer en marcha estas rutas e publicar toda a información relativa a este patrimonio cultural e natural do Rosal na propia web municipal. Ao longo do mes de xuño habilitaranse contidos na web para que toda a xente interesada poida consultar ou descargar información. Se algunha persoa precisa información turística pode acudir tamén ao Concello de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Ademais, estas rutas contan con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que un código QR a través do que se poden visualizar distintos vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro.

O Concello do Rosal é consciente da alta afluencia de visitantes percorrendo os Muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores en determinados momentos, polo que se apela á responsabilidade dos veciños e veciñas en especial en intres de alta concorrencia e pídese eviten aglomeracións e obstaculizar zonas de paso para coidar a saúde de todos e todas.