O CONCELLO REORGANIZA AS SÚAS ÁREAS PARA OPTIMIZAR RECURSOS ANTE UNHA REALIDADE CAMBIANTE

A concelleira Sabela Rodríguez deixa o Goberno para emprender un novo proxecto persoal. Servizos Sociais dependerá directamente de Alcaldía e crearase unha concellería de Voluntariado.

O Concello do Rosal reorganiza as súas áreas para optimizar recursos e adaptarse á realidade cambiante que deixou a crise sanitaria pola COVID-19. No pleno celebrado este xoves 28, o primeiro telemático da historia do municipio, a concelleira Sabela Rodríguez anunciaba a súa saída do Goberno municipal para emprender un novo proxecto persoal que a levará fóra de Galicia, unha situación que aproveitará o Concello para facer unha reestruturación das áreas de traballo coa que reforzar a operatividade en diferentes liñas e combater as consecuencias sociais e económicas da pandemia.

Neste sentido, Servizos Sociais pasará a depender directamente de Alcaldía, xa que “a crise sanitaria que trouxo a COVID-19 acentuou a importancia da atención social e deixou a moitos veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade. Consideramos de vital importancia que sexa unha persoa con dedicación exclusiva a que poida levar as rendas dun departamento fundamental”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que xa asumiu as competencias de Servizos Sociais dende o inicio do estado de alarma.

Pola súa banda, nesta nova organización a concelleira Sara Vicente asumirá as competencias de Igualdade e de Muller para poder traballar e “abrir novos horizontes” en dúas áreas que tamén son consideradas de importancia capital para o Concello. “Nos momentos nos que estamos a vivir as áreas de Servizos Sociais, Igualdade e Muller teñen que gañar máis peso. A crise sanitaria non só fixo incrementar as emerxencias sociais a atender, senón que tamén desvelou toda a problemática derivada de cuestións como o machismo ou a violencia de xénero e que o confinamento obrigatorio agravou”, recorda a alcaldesa. Outro dos cambios afectará á concellería de Cultura, que pasará a mans de Carlos Villanueva.

Emotiva despedida

Sabela Rodríguez quixo agradecer no pleno “a todos os veciños e veciñas do Rosal terme dado a oportunidade de formar parte do Goberno municipal, a todos os membros do pleno polo trato recibido e ao traballo compartido con todo o persoal do Concello. Para min foi unha honra ter formado parte deste equipo de Goberno. E aínda que as circunstancias que vivimos neste momento non permiten unha despedida máis cercana e próxima, quero enviar un abrazo sentido e agarimoso a todos e todas”. Mestra xubilada cunha destacada traxectoria no ámbito do ensino, polas mans e polas aulas de Sabela pasaron varias xeracións de rosaleiros e rosaleiras. Por este motivo a Corporación municipal ao completo amosou a súa ledicia polo novo proxecto vital que vai emprender e lle dedicaron unha emotiva despedida a unha persoa que “sempre estará nos nosos corazóns e que sempre será querida como unha rosaleira máis”.

Nova incorporación

No lugar de Sabela Rodríguez entrará a formar parte do Goberno municipal Ramón Fernández Leal, un mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente que asumirá as concellerías de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación. Con esta nova incorporación darase un maior peso específico a unha área de gran importancia para O Rosal, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Ademais, Fernández Leal traballará tamén complementando outras áreas do Concello.

Moi comprometido, “con moito saber estar e escoitar, algo moi importante na política e na vida”, Fernández Leal súmase a este proxecto de equipo ao que aportará a súa experiencia e a súa dispoñibilidade para dedicarlle tempo á xestión municipal.