O CONCELLO RETOMOU A LIMPEZA VIARIA NO ROSAL TRAS O PARÓN OBRIGATORIO POLA CRISE SANITARIA

Nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitidas os labores de desbroce e foron paralizados os procesos selectivos para a contratación do persoal dedicado a estas tarefas

 Deputación, Xunta e Confederación tamén reactivaron a limpeza nas zonas do seu ámbito competencial

O Concello do Rosal retomou xa hai uns días os labores de limpeza viaria do municipio tras o parón obrigatorio durante a crise sanitaria, xa que nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitida a realización das tarefas de desbroce ao non considerarse fundamentais. Durante os máis de dous meses de confinamento por mor do COVID-19 tamén foron paralizados todos os procesos selectivos para a contratación de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para os traballos de limpeza na rúa, situación á que houbo que sumarlle as baixas médicas de operarios municipais de limpeza por ser considerados persoal de risco.

Dende o Concello quérese agradecer a implicación dos traballadores e traballadoras municipais na reactivación destas tarefas de limpeza viaria, respondendo o máis axilmente posible a todos os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes labores tan necesarios. Esta mesma semana incorporouse tamén o persoal contratado a través do Plan Concellos, que se están a sumar as tarefas de limpeza viaria para ir recuperando as distintas zonas.

Ademais, o Goberno municipal xa se puxo en contacto coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que reactivaran a limpeza viaria nas zonas do Rosal que son do seu ámbito competencial.

O Concello tamén quere agradecer o quefacer de todos os veciños e veciñas que están colaborando nestes intres limpando o frontal das súas casas e fincas. Hai unhas semanas os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño facían un chamamento apelando á responsabilidade da poboación para que botaran unha man nestes momentos tan complicados e limparan as frontes das parcelas que dan a vía pública ao que os rosaleiros e rosaleiras responderon de xeito exemplar.

Dende o Concello seguirase traballando na recuperación dos espazos públicos para que rosaleiros e rosaleiras poidan recuperar pouco a pouco a normalidade e desfrutar das súas rúas e dos espazos de lecer tras máis de dous meses de confinamento.