O Concello reúnese coa Xunta para urxir medidas ante a falta de seguridade viaria na estrada PO-353 detectada pola veciñanza

O CONCELLO REÚNESE COA XUNTA PARA URXIR MEDIDAS ANTE A FALTA DE SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA PO-353 DETECTADA POLA VECIÑANZA

Despois de que os veciños e veciñas da contorna recollesen 655 sinaturas, o Concello compartiu coa Xunta a problemática detectada na estrada

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, mantiveron un encontro co director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, Francisco Menéndez, e co xefe de servizo provincial de Pontevedra, Manuel González Juanatey, para abordar de forma urxente a falta de seguridade viaria na estrada PO-353 que une Pancenteo con Fornelos e que pon en risco a seguridade das persoas que circulan a pé por esta vía.

“Estamos ante unha grave problemática que afecta á contorna de Pancenteo, Marzán, Novás e Fornelos, unha zona onde hai tres escolas unitarias, paradas de autobús, contedores de lixo e espazos de convivencia entre a veciñanza, que nestes intres non se atopa segura”, explica a rexedora.

Despois de que a veciñanza da contorna destes catro barrios recollesen 655 sinaturas debido a esta problemática, o Concello compartiu coa Xunta todos os riscos que se teñen detectado nesta estrada para que o Goberno autonómico adopte as solucións necesarias. Con estas sinaturas a veciñanza solicitaba medidas de seguridade para reducir a velocidade dos vehículos que circulan pola zona e a sinalización de pasos peonís.

Alcaldesa e concelleiro salientaron o compromiso do Concello a colaborar coa Xunta, para o que realizarán unha análise da incidencia nesta estrada que trasladará ao Goberno autonómico para que a Xunta implemente as solucións necesarias como organismo competente desta estrada. Fernández Callís quixo agradecer a colaboración e a implicación dos veciños e veciñas cunha problemática “que consideramos que se ten que solucionar de forma urxente”.