O CONCELLO REXEITA A INFORMACIÓN FALSA DIFUNDIDA SOBRE A REPARACIÓN DA PONTE DAS EIRAS

O Concello do Rosal rexeita a información falsa difundida polo Partido Popular municipal en relación co proceso de arranxo da ponte das Eiras, que sufriu importantes danos durante as extraordinarias inundacións que afectaron á nosa localidade o pasado mes de decembro.

Non houbo ningún tipo de comunicación oficial por parte do grupo popular local para trasladar as súas inquietudes con respecto ao reacondicionamento da ponte, unha infraestrutura que depende única e exclusivamente de Costas do Estado, a administración que ten as competencias. 

Dende o seu derrubo o pasado Nadal, o Goberno municipal está en permanente contacto con Costas do Estado para supervisar a evolución dos trámites relacionados coa reparación da ponte. Este proceso segue un procedemento ordinario debido a que a Xunta de Galicia non declarou a zona de Emerxencia de Interese Galego tras as inundación, a pesar de que alcaldes e alcaldesas do sur da provincia lle trasladaron a necesidade de aplicar esta figura tras os importantes danos sufridos. Esta declaración aceleraría os trámites administrativos para a reparación da ponte das Eiras, unha cuestión que lamentablemente a Xunta non considerou.

O Goberno municipal recalca que o Concello do Rosal non recibiu ningunha subvención por parte da Deputación de Pontevedra para a reparación da ponte, xa que non ten competencias para levala a cabo. Os aproximadamente 140.000 euros asignados están destinados exclusivamente ao arranxo de case 12.000 metros cadrados de camiños que sufriron importantes danos durante as inundacións. Concretamente, xa está en proceso de licitación a reparación e mellora dos camiños de Canas e Morraceira, así como dunha parte da Estrada de Couselo, dende o cruce entre o Camiño Barriños e o Camiño Couselo de Abaixo e o Camiño Vilariños, en Fornelos.

Por outro lado, no que respecta á información relacionada coa mellora da estrada provincial das Eiras é importante destacar que se trata dun proxecto realizado de forma íntegra polo equipo redactor da Deputación de Pontevedra en conformidade coa normativa establecida para este tipo de vías. Durante a execución do proxecto leváronse a cabo as cesións de terreos necesarias para crear unha senda nos espazos nos que era posible segundo a lexislación vixente. Nas zonas máis estreitas que non cumprían os requisitos necesarios estableceuse unha plataforma única, a única solución posible. O Goberno municipal non realizou ningunha modificación no proxecto, suxeito a normativa e cuxas características permitiron á Deputación de Pontevedra conseguir fondos europeos.

O Concello do Rosal reitera o seu compromiso coa transparencia e a correcta xestión dos asuntos públicos, proporcionando información veraz e actualizada sobre este e outros temas de interese municipal en calquera momento.