
27 Out 2023 O CONCELLO REXEITA AS INFORMACIÓNS FALSAS EN RELACIÓN A UNHA SUPOSTA DÉBEDA QUE NON EXISTE
O Concello do Rosal desminte a información falsa difundida en nota de prensa no día de onte polo Partido Popular do Rosal, referente a unha suposta débeda que non existe, e rexeita enerxicamente o que parece estar converténdose en estratexia habitual pola súa parte: mentir ás veciñas e veciños.
Estar en contra das iniciativas promovidas polo equipo de goberno non xustifica utilizar a mentira e o engano para tratar de erosionar a imaxe e reputación da institución, que é un ben de todas e todos. Por isto, o goberno do Concello volve a verse na obriga de defender a verdade fronte ás rosaleiras e rosaleiros, desmentindo a suposta débeda á que fai mención a nota de prensa de onte. Tal e como reflicten todos os indicadores económicos, o Concello goza de estabilidade e dunha boa saúde económica.
O Concello do Rosal reitera o seu compromiso coa transparencia e a correcta xestión dos asuntos públicos, proporcionando información veraz e actualizada sobre este e outros temas de interese municipal en calquera momento.