O CONCELLO SACA A LICITACIÓN A REFORMA PARA FACER O PAVILLÓN MUNICIPAL MÁIS ACCESIBLE

Instalarase un elevador e unha rampla de acceso ás instalacións e reformaranse tamén os vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros. O prazo de presentación de ofertas remata o 26 de xuño

O Concello saca a licitación a reforma para facer o pavillón municipal máis accesibleO Rosal dá un novo paso para converterse nun municipio máis inclusivo e accesible. O Concello vén de sacar a licitación a instalación do ascensor e a reforma interior do pavillón municipal para a mellora da accesibilidade vertical mediante a instalación dun ascensor, así como para a adecuación das zonas de vestiarios e aseos, unhas obras que continúan a senda de mellora destas instalacións deportivas tras a reforma dos vestiarios locais e do cambio de chan para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro.

Estas novas actuacións enmárcanse “na promoción da transformación do Rosal que queremos levar adiante cunha serie de actuacións como a recuperación de espazos para as persoas que melloren a mobilidade peonil, a posta en valor dos elementos patrimoniais e a mellora da accesibilidade nas instalacións municipais, xerando espazos urbanos de alta calidade para o goce común de toda a veciñanza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora lembra que “a través do proxecto Cocreando Sociedade ratificamos o noso compromiso pola inclusión e a mobilidade e neste camiño estamos traballando para facer accesibles progresivamente aquelas dependencias municipais que hoxe en día aínda non o son.

O obxectivo destas obras é “reorganizar os diferentes espazos existentes no pavillón municipal, modernizándoos e adaptándoos ás novas necesidades”. Así, melloraranse as condicións de accesibilidade entre a planta baixa do pavillón, onde están situados os accesos e os servizos, e a planta alta, onde se atopan as bancadas e a cantina. A reforma interior tamén inclúe a mellora dos vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros e unha rampla e unha plataforma horizontal que garanta o acceso ao interior do pavillón.

Segundo salienta a alcaldesa, “queremos unhas instalacións aptas para persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade con percorridos completamente accesibles que nos permitan mellorar o acceso ao público, pero tamén dar un paso máis alá e abrir a porta a acoller actividades de deporte adaptado”.

Este proxecto de mellora levaranse a cabo a través dun convenio de colaboración ente o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que financiará o 60% da reforma. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 26 de xuño.