O Concello transformará a contorna das Eiras

O CONCELLO TRANSFORMARÁ A CONTORNA DAS EIRAS

A alcaldesa agradeceu a implicación da veciñanza no acto de participación social de presentación do proxecto, no que puideron expoñer as súas suxestións

O Concello transformará a contorna das EirasO Concello do Rosal continúa a súa aposta por proxectos que permitan un desenvolvemento integral do municipio, poñendo en valor os seus espazos e o seu patrimonio e situando de novo ás persoas no centro. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, presentou nun encontro coa veciñanza o proxecto de mellora e transformación da contorna das Eiras, unha zona “cun elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperan o patrimonio cultural e melloran os accesos, os camiños, as sendas e, por suposto, a calidade de vida da veciñanza e das persoas visitantes”.

O Concello celebrou un acto de participación social aberto no que os veciños e veciñas achegaron ideas e suxestións que incorporar ao proxecto. “Non podemos máis que agradecer a implicación e compromiso dos rosaleiros e rosaleiras, xa que para nós é moi importante poder facer unha escoita activa dos nosos veciños e veciñas, porque son os que mellor coñecen a realidade da contorna”, recalca a rexedora.

A transformación das Eiras comezará pola mellora da accesibilidade da Igrexa e da súa contorna deteriorada. O proxecto integral busca dar prioridade ás persoas, mellorando as condicións de accesibilidade peonil para reconectar o Miño coa Madalena e creando espazos de calidade e máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e reducindo a velocidade e mudando pavimentos. Ademais, “atendendo á realidade climática, empregaranse materiais de KM0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloren a relación entre o medio e as persoas que o habitan”. Ese respecto polo territorio estenderase tamén aos materiais empregados, con formas e cores inspirados na paisaxe e no propio medio que mellorarán a accesibilidade e se difuminarán entre o patrimonio existente.

Dende o Concello estase a levar a cabo un importante traballo para captar fondos externos cos que desenvolver estes proxectos que buscan “transformar O Rosal priorizando a sostibilidade, a calidade de vida e a recuperación de espazo público para as persoas, como marcan os valores europeos de cara ao futuro”, explica Fernández Callís.