O Concello transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón

O CONCELLO TRANSFORMARÁ A ESTRADA VELLA DE SAN MIGUEL DE TABAGÓN

A veciñanza achegou as súas suxestións nun proceso participativo celebrado esta semana no que a alcaldesa presentou o proxecto, que comezará a executarse pola zona máis deteriorada

O Rosal aposta por unha estratexia de desenvolvemento global no municipio que permita poñer en valor a súa contorna e poñer ás persoas no centro. Neste camiño o Concello porá en marcha un novo proxecto que transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón que foi presentado pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, ante á veciñanza nun acto de participación social que contou cunha alta implicación de rosaleiros e rosaleiras do barrio.

A rexedora, acompañada do equipo técnico do proxecto, explicou a todas e todos os presentes que o obxectivo da reforma é “mellorar a calidade dunha contorna que conta cun perfil urbano cun carácter singular, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís, facendo que estas rúas recuperen parte da súa identidade orixinal, máis favorable para o paseo e as relacións cotiás e sociais entre a veciñanza”.

O proxecto de reforma comezará a executarse pola zona máis deteriorada da estrada vella, ao carón da ferraxería, onde unha das principais accións que se levarán a cabo será a renovación dun muro de contención de mampostería, unha solución construtiva que se integrará na contorna e que resolverá os problemas que presenta o muro actual, en estado de deterioro.

A intervención xeral consistirá na renovación de pavimentos con materiais e elementos que contribúan a unha circulación máis calmada e a unha maior integración paisaxística, “dándolle prioridade ás persoas e creando espazos de calidade máis seguros, con vías accesibles e inclusivas que fomenten unha mobilidade máis saudable e sustentable”, salienta a alcaldesa.

Fernández Callís puxo en valor a implicación e compromiso de toda a veciñanza do barrio, que durante o encontro realizou algunhas achegas relevantes sobre temáticas como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía que se incorporarán ao proxecto.