O CPI Manuel Suárez Marquier inaugura tres innovadores espazos

O CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER INAUGURA TRES INNOVADORES ESPAZOS

Trátase dun aula croma 360º, un aula estudo de gravación e unha horta. O acto inaugural tivo ao divulgador Jorge Mira como mestre de cerimonia e contou coa presenza da alcaldesa do Rosal e do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra da Xunta

O CPI Manuel Suárez Marquier está de estrea. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra da Xunta de Galicia, César Ares; Paz Fernández, da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; e o director, Xosé Tomás, acompañaron á dirección e alumnado do centro nunha xornada de inauguración tripla de tres espazos creados durante este curso.

Co catedrático de Física e divulgador científico Jorge Mira como mestre de cerimonia, o centro presentou a súa innovadora aula croma 360º, unha clase adaptada ao 100% que permitirá ao alumnado gravar e editar vídeos como ferramenta educativa. Ademais, o CPI conta tamén cun aula-estudo de gravación de música chamado ‘Asalto de mata’ e con ‘A despensa da Mata’, unha horta escolar.

Todos estes espazos foron creados a comezos deste curso, polo que ao longo dos últimos meses o alumnado xa realizou un importante número de producións, dinámicas de traballo e experiencias pedagóxicas nas novas instalacións, así como producións audiovisuais, gravacións musicais, experimentos botánicos ou cultivos.

O público participante foi recibido a ritmo de frauta en vivo, música que deu paso á presentación dos espazos e a un percorrido por todos eles ao que foron convidados representantes de toda a comunidade educativa, dende alumnado e familias ata ANPA, persoal docente e non docentes e membros do club de lectura e cine, entre outros.