14 Xul 2020 O GRUPO FILATÉLICO E NUSMISMÁTICO VAL DO ROSAL PRESENTA A SÚA EXPOSICIÓN SOBRE OS CUÑOS TURÍSTICOS NA FEIRA DO VIÑO
Esta mostra virtual que pode visitarse na web da feira, feiradoviño.gal, busca manter a continuidade das actividades tan representativas no mundo filatélico e vinícola coas que cada ano participan.
O artigo foi realizado por Alfonso Dorado e Marta Verde.
O Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal colabora na XXVIII Feira do Viño cunha das súas tradicionais exposicións, unha mostra que nesta ocasión é totalmente virtual coa que se busca non perder o fío e manter a continuidade das actividades que o grupo realiza cada edición, tan representativas no mundo filatélico e vinícola. A mostra pode verse na web da feira.
Nesta ocasión o grupo trae da man de Alfonso Dorado e Marta Verde un percorrido polos cuños turísticos de Galicia, creados para difundir diferentes cidades polo mundo. Entre os cuños turísticos atópase o do Rosal, deseñado por Ángel Pérez e solicitado a Correos polo Grupo Filatélico no que se aprecian varias imaxes da vila rosaleira como os Muíños do Folón e do Picón, a ponte do Tamuxe os as uvas dos viños con D.O. da vila.
A mostra compleméntase con coleccións invitadas de Madrid, Ourense e A Guarda. O Grupo Filatélico xa adiantou que a exposición do vindeiro ano estará dedicada ao Ano Santo Compostelano.
Concurso virtual
Continúa aberto o concurso ‘Viño-Experiencia’, un certame que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño do Rosal. As persoas participantes deberán facer unha fotografía dun momento de desfrute destes viños e facendo clic aquí para subila. Tamén pode votar entre as fotos participantes e compartir o enlace para que outras persoas participen na votación.
As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.
Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.
Tenda online
Mercar os viños do Rosal é algo tradicional dentro da Feira do Viño, unha experiencia que quixo manterse nesta edición tan especial coa posta en marcha dunha tenda online na que o público poderá comprar aos mellores prezos os viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor.
Tan sinxelo como entrar en feiradovino.gal/tenda, escoller os viños preferidos e mercalos para recibilos na casa nos vindeiros días. Os gastos de envío serán gratuítos.