O III TRAIL ADVENTURE MUÍÑOS DO FOLÓN CHEGA ESTE 8 DE MARZO CO CARTEL DE CHEO POSTO

Máis de 800 deportistas de oito provincias percorrerán este domingo O Rosal. O 30% dos participantes son mulleres

 É a primeira proba da Pontevedra Trail League

Terceira edición do Trail Adventure Muíños do Folón con cifras históricas de participación e coas inscricións pechadas hai días. A proba chega este domingo 8 de marzo ao Rosal convertida xa nun clásico autonómico do calendario do Trail Running e como primeira proba da Pontevedra Trail League, con máis de 800 participantes de 8 provincias diferentes e cunha representación moi alta de deportistas portugueses. “O trail é, sen dúbida, a combinación perfecta de deporte, patrimonio histórico, natural e turismo, xa que permite a todas as persoas participantes combinar a práctica dunha das súas paixóns deportivas co desfrute dunha contorna e un lugar máxico e fermoso como son os muíños do Folón e do Picón”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, durante a presentación oficial da proba, na que tamén participaron o responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, e do director técnico da proba, Serafín Martínez.

Unha proba que chega ao Rosal nunha data tan sinalada como o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o que “tamén nos permitirá visibilizar a gran cantidade de mulleres que participamos  no eido deportivo. Será sen dúbida unha xornada reivindicativa que servirá para poñer en valor o gran papel que a muller xoga neste ámbito, o deportivo, nos que aínda nos queda moito por camiñar para conseguir unha igualdade real”.

Cabe destacar que máis dun 30% dos participantes nesta proba serán mulleres que competirán nas distintas modalidades, cifra que o deputado Gorka Gómez quixo resaltar xa que “temos que seguir traballando na senda da visibilización  da muller no deporte, destacando os éxitos acadados en moitas disciplinas”.

Horario das probas e actividades previas

A primeira proba en dar o pistoletazo de saída será a Advance de 21 km (10.00 h), seguida da andaina de 10 km para todos os públicos (10.05 h). A proba máis curta, a de 12 km, sairá ás 10.30 h. En total agárdase que máis de 1.500 persoas visiten este domingo O Rosal entre deportistas e acompañantes e desfruten “dun dos trails máis espectaculares, nunha contorna única”, como recalcou o director técnico da proba, Serafín Martínez.

O III Trail Adventure Muíños do Folón completarase cunha actividade previa ás probas deportivas. Así, o día anterior, o sábado 7 de marzo, a Adega Val Miñor ofrecerá unha guía con visita e cata dos diferentes produtos aos participantes e acompañantes que se acheguen ao Rosal esta fin de semana.

A proba conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello do Rosal. Dende o Concello quere agracederse ademais a colaboración das comunidades de montes do Rosal e de Loureza, así como de Protección Civil do Rosal e de Tomiño e da Policía Local “nunha xornada de especial importancia para todos e todas nós”.