O Lagar de Eiras do Rosal, entre os proxectos da cuarta edición da campaña Parte de ti

O LAGAR DAS EIRAS DO ROSAL, UNHA DAS HISTORIAS DA NOVA EDICIÓN DA CAMPAÑA ‘PARTE DE TI’

Tralo éxito dos anos anteriores, EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentaron por cuarto ano consecutivo a súa campaña de apoio ao rural

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai catro anos, Eurural decide ampliala un ano máis para seguir dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar este xoves no Pazo da Escola e contou coas intervencións de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Eurural; Carmen Barbosa Pacheco, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalia e Sara González Pacheco, integrante desta mesma asociación.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural.Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Marina Álvarez, unha redeira da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, desde a cal conseguiron ao longo dos seus anos de traballo dignificar a profesión, mellorar as súas condicións de traballo e ademais comezar un par de proxectos paralelos, coma unha colaboración con Artesanía de Galicia, con quen fan obxectos de artesanía e un proxecto que teñen con Amalia Puga, con quen agora mesmo están elaborando unhas lámpadas con redes recicladas.

Ademais da historia da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (A Guarda), o público poderá coñecer a historia do proxecto rosaleiro do Lagar das Eiras. Ao longo da campaña tamén se presentarán iniciativas como a de Aitor (Tomiño), Lucky´s Bakes (Baiona), Viravolta (Tui) , El Ultramarino (O Porriño), O Muiño da Espelta (Mos), Carnicería Gandería Grego (Fornelos de Montes), Ara Restauración e Conservación (Nigrán) e Casa Rural Budiño de Serraseca (Oia)

Poderanse visualizar estes vídeos na web  https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de Eurural (@eurural_gdr14) .

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxa financiación procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural. Nesta edición o proxecto tamén se financia en parte a través do convenio de colaboración entre o xeodestino e Turismo de Galicia.