
06 Mai 2025 ‘O lobo feliz’ chega ao Rosal para troulear coa cativada
O ciclo dos Venres rebuldeiros continúa este 9 de maio cun contacontos cheo de música e humor na biblioteca municipal
Ás 18 horas con entrada de balde
Xa non mandan os lobos feroces… agora os protagonistas son os que buscan a felicidade aullando á lúa. Este venres 9 de maio O Rosal ten unha nova cita co ciclo dos Venres Rebuldeiros, que desta volta contará con Miguel Guido para facer rir á cativada co seu contacontos musicado ‘O lobo feliz’.
A actividade, pensada para crianzas a partir dos 3 anos e para gozar en familia, celebrarase na Biblioteca Municipal ás 18.00 horas e será de balde. Un espectáculo cheo de humor, música e tenrura, no que o propio autor interpreta ao protagonista deste conto que lle dá a volta ao estereotipo do lobo feroz.
“Queremos ofrecer alternativas culturais para toda a familia, que ademais transmitan valores positivos e fomenten o gusto pola lectura desde idades temperás”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que convida a rosaleiros e rosaleiras a desfrutar desta nova actividade para toda a familia.