O mago Cayetano Lledó convértese en Sherlock Holmes este sábado no Rosal

O MAGO CAYETANO LLEDÓ CONVÉRTESE EN SHERLOCK HOLMES ESTE SÁBADO NO ROSAL

A actuación será ás 20.00 horas no auditorio municipal de balde

O detective máis famoso da historia visitará este sábado 10 de setembro O Rosal da man do mago e actor Cayetano Lledó. Maxia, humor e comedia camiñarán da man en ‘Sherlock Holmes e o diamante Patterson’, un espectáculo que conquistará ao público a través do que o artista busca resolver o misterioso roubo dunhas xoias nunha espectacular mansión. Todos, dende a Baronesa ata o mordomo, pasando polo público son sospeitosos. Para descifrar este misterio, Lledó botará man da creatividade, da comicidade, de incribles trucos e algunha que outra sorpresa.

O mago chegará ao auditorio municipal do Rosal con este trepidante espectáculo este sábado ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da axenda cultural para este mes de setembro, será de balde, con entrada libre ata completar aforo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta proposta para todos os públicos e “deixarse levar pola maxia, a ilusión e as risas aseguradas que nos traerá o autor”. Cayetano Lledó é produtor, distribuidor de teatro, ilusionista e actos de improvisación que basea as súas obras na comedia e na maxia cómica e ten participado en numerosos festivais internacionais de ilusionismo.