O pleno infantil axita conciencias no Rosal e coloca os dereitos dixitais no centro do debate

O pleno infantil axita conciencias no Rosal e coloca os dereitos dixitais no centro do debate

Máis de medio cento de estudantes de primaria e integrantes de Fogaric@s presentaron propostas pioneiras sobre convivencia dixital neste pleno celebrado con motivo do Día Mundial da Infancia

 Nun salón de plenos onde habitualmente se toman decisións de persoas adultas, este 20 de novembro a voz que se escoitou foi a da infancia e da mocidade. Con motivo do Día Mundial da Infancia este 20 de novembro, O Rosal acolleu un pleno infantil no que participaron máis de 50 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, xunto co grupo de participación infantil e xuvenil rosaleirio Fogaric@s, que continúa liderando unha reflexión profunda sobre os dereitos dixitais.

A sesión, na que tamén tomou parte a corporación municipal, deu continuidade ao traballo iniciado no Encontro Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil celebrado en Nigrán hai unhas semanas, onde infancia e mocidade de toda Galicia xa puxera enriba da mesa preocupacións e retos vinculados ao mundo dixital. Este venres, levarán as súas conclusións ao Parlamento de Galicia.

Durante o pleno, os nenos e nenas expuxeron con claridade e valentía os problemas que detectan no seu día a día: o uso indebido de imaxes sen consentimento, perfís falsos, ciberacoso, falta de privacidade, idealización das vidas nas redes, exposición a contidos inapropiados, noites sen durmir por exceso de pantallas e mesmo o impacto de atopar casos de venda de fotos íntimas. A isto súmase, segundo explicaron, a falta de formación das persoas adultas para acompañalos e a ausencia de canais eficaces para denunciar situacións de risco.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a seriedade e madurez das achegas: “O traballo que están a facer é exemplar. Non só teñen unha visión clarísima dos seus propios dereitos dixitais, senón que ofrecen propostas realistas, útiles e perfectamente asumibles. Hoxe demostraron que a infancia e a mocidade non só debe ser escoitada: debe ser tida en conta”.

Todas e todos os representantes da Corporación municipal coincidiron en en valor o proceso participativo. “O mellor que podemos facer como Concello é abrir espazos onde as crianzas falen sen medo e propoñan solucións. Este pleno infantil é unha mostra de que cando se lles dá voz, devolven compromiso, intelixencia e responsabilidade”, recalcaron.

Propostas aprobadas por unanimidade

As ideas presentadas pola rapazada foron apoiadas por unanimidade por todas e todos os participantes no pleno infantil. Durante o encontro pediron formación para a mocidade pero tamén para as persoas adultas como familiares e profesorado, levar a cabo campañas de sensibilización, reforzar os Puntos Laranxa nos centros educativos e incluso impulsar un compromiso total por parte da mocidade, pero tamén da contorna, porque “as persoas adultas tedes que dar exemplo, xa que a educación dixital é responsabilidade de todas e todos”.

O Concello do Rosal felicita a todos os participantes polo seu traballo e reitera o seu compromiso coa promoción dos dereitos da infancia e coa creación dun entorno dixital máis seguro, crítico e saudable para a mocidade.