
08 Mai 2025 O Rosal abre con música e sentimento a programación cultural do Día das Letras Galegas
O grupo Cantares de Brueiro ofrecerá este sábado 11 un concerto único ás 19.00 h no auditorio municipal
O Rosal arranca a súa programación cultural co gallo do Día das Letras Galegas cunha proposta cultural única: o sentimento e emoción das voces de Cantares de Brueiro. O grupo subirase ao escenario do auditorio municipal este sábado 11 de maio ás 19.00 horas co seu espectáculo ‘Si cantan, es ti que cantas…’, un concerto no que aglutinará un repertorio mesturado de pezas de música tradicional galega con composicións propias e obras de grandes autores e autoras galegas.
Unha homenaxe á nosa lingua e á nosa música que contará coas preto de 30 voces que conforman o grupo, dirixido baixo a batuta de Tino Baz. Sigue así unha liña marcada dende os seus inicios alá polo ano 2014, poñendo en valor a canción popular galega e o canto coral cun coidado moi especial.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “quixemos abrir a programación das Letras Galegas cunha proposta feita dende o corazón, dende o compromiso co noso idioma e co noso patrimonio inmaterial”. A rexedora convida a toda a veciñanza a desfrutar deste concerto de balde e de toda a programación cultural prevista co gallo do Día das Letras Galegas.