O ROSAL ABRE UN ESPAZO PARA O AUTOARRANXO DE OBXECTOS PARA A VECIÑANZA

Situado a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, conta co material necesario para que rosaleiros e rosaleiras poidan reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres

A alcaldesa, Ánxela Fernández, visitou este xoves as instalacións acompañada do delegado territorial da Xunta, Luis López, e da directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez

O Concello do Rosal continúa traballando para contribuír a un futuro sostible. Este venres 4 abre as súas portas ao público o Espazo de Autoarranxo, un centro municipal novidoso dotado con todo o material necesario para que os veciños e veciñas poidan reparar nel pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres e alongar así a vida útil dos bens materiais dos fogares. Este xoves a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou as instalacións situadas a carón do CPI Manuel Suárez Marquier acompañada do delegado territorial da Xunta, Luis López; a Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González; a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente; e o edil de Vías e Obras, Germán Fernández.

“Con iniciativas como esta queremos concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular”, explica a rexedora. Este centro, para o que se rehabilitou un edificio municipal en desuso na Cumieira, será tamén “un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental”.

Durante a visita o delegado territorial da Xunta, Luis López, salientou a aposta da administración autonómica “pola separación de residuos e a reciclaxe” e o apoio “a todas as iniciativas neste ámbito, xa que é fundamental para preservar o noso medio ambiente e o noso futuro. Agradecemos estas propostas tan novidosas, xa que permitirán que moitos obxectos volvan a ter unha utilidade en lugar de finalizar no lixo, favorecendo ademais a economía circular e a sostibilidade”.

Este proxecto, financiado ao abeiro do Fondo Europeo De Desenvolvemento Rexional con cargo ao Programa Operativo Feder Galicia 2014-202, comeza agora a dar os seus primeiros pasos tras dous anos nos que as medidas sanitarias e a elevada incidencia de casos de COVID-19 non facía viable o préstamo de ferramentas. Non obstante, durante todo este tempo o centro empregouse para desenvolver diferentes obradoiros e charlas, algúns deles deslocalizados por mor dos protocolos dos centros educativos.

Así, xunto á posta en marcha do Espazo de Autoarranxo, o Concello habilitou un grupo en Facebook para o intercambio de obxectos entre a veciñanza e creou a páxina web de Medio Ambiente, que conta con apartado especial dedicado á este espazo con diferentes titoriais. Ademais, impartíronse obradoiros de formación ou foi empregado por parte do alumnado de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier para a restauración de mobiliario e por persoal municipal para a reparación de maquinaria como as biotrituradoras.