Concello e UD Ribera perfilan as necesidades do campo de fútbol da Mata

O ROSAL ACADA UNHA AXUDA DE MÁIS DE 8.200 EUROS PARA REDACTAR O PROXECTO DE RENOVACIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL DA MATA

A Deputación de Pontevedra concedeu esta subvención para favorecer a presentación de candidaturas a fondos NextGenerationEU para turismo deportivo sostible

O Rosal traballa na renovación das infraestruturas municipais para convertelas en lugares máis accesibles e eficientes ao tempo que aposta pola dinamización da economía local. O Concello captou unha axuda de máis de 8.200 euros concedida pola Deputación de Pontevedra para subvencionar gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos ao abeiro dos fondos europeos NextGenerationEu, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no ámbito do turismo deportivo sostible.

A través desta subvención, o Concello do Rosal financiou os gastos derivados das asistencias técnicas para a preparación da documentación necesaria para a presentación de proxectos á convocatoria de axudas do Consello Superior de Deportes do Ministerio de Cultura e Deporte. A

Con esta liña de axudas o Goberno municipal continúa avanzando “na mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade, permitindo reducir de forma significativa a achega municipal para a transformación integral das instalacións do campo de fútbol da Mata”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O proxecto de renovación do campo de fútbol da Mata foi redactado por un equipo técnico especializado que incorporou as necesidades técnicas detectadas pola UD Ribera, incluíndo as demandas dos propios usuarios e usuarias para solucionar diferentes problemáticas.

Xunto ao cambio de céspede e ao nivelado e regularización do chan, o proxecto contempla a limpeza das canalizacións do sistema de drenaxe, a colocación dunha varanda de aceiro envolta nunha rede atrapa balóns, o cambio do pavimento deportivo, a instalación dun novo sistema de rego e de megafonía e a colocación dun novo marcador e de dous bancos de exterior para suplentes de 10 prazas. Entre as melloras inclúese ademais a creación dunha galería de aluminio con cristais de seguridade e a substitución dos paneis do túnel de vestiarios por pezas de metacrilato resistente aos impactos dos balóns.