O Rosal achega a súa pinga de solidariedade antes de Semana Santa

O Rosal achega a súa pinga de solidariedade antes de Semana Santa

Unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue estará na rúa Ramón Franco o luns 18 de marzo en horario de mañá e tarde

O Rosal amosará o seu lado máis solidario antes de Semana Santa. O vindeiro luns 18 de marzo unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), visitará de novo o concello para todas aquelas que queiran achegarse a deixar a súa pinga solidaria.

O autobús estará na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, e abrirá ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Cada doazón pode salvar tres vidas e a sangue recollida emprégase para atender emerxencias médicas; en tratamentos de doentes con cancro, trastornos do sangue ou outras enfermidades crónicas que necesitan transfusións de sangue; ou en cirurxías e traumatismos graves.

Para poder doar hai que ter máis de 18 anos e máis de 50 kg e ir despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se é pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.