O ROSAL ACOLLE UN SEMINARIO SOBRE A SUSTENTABILIDADE DO SECTOR PRIMARIO NO TERRITORIO

Será este luns 24 de outubro a partires das 16.30 horas no Centro Social Polivalente

O Concello do Rosal, en colaboración co Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, organiza o vindeiro luns 24 de outubro o Workshop “A sustentabilidade do sector primario no río Miño transfronteirizo”.

Trátase do segundo seminario temático organizado dentro das actividades realizadas polo Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT), unha das accións levadas a cabo dentro do proxecto europeo da “Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Miño transfronteirizo” (REDE_LAB_MINHO), financiado no 75% polo Programa lnterreg V-A España Portugal.

Na primeira parte deste workshop presentarase o informe sobre “Sustentabilidade e Economía verde”, coordinado polo director académico do Observatorio, o profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas.

A continuación terá lugar unha mesa redonda que abordará “A sustentabilidade no sector agrícola”, coas intervencións de Mª Victoria Álvarez, Presidenta de ACUBAM, Enrique Costas, director xeral de Terras Gauda, Ana Lúcia Lopes, directora técnica de VIPOV, e Andreia Machado Costa, responsábel da equipa técnica de Viveiros Río Tollo, e moderada polo Secretario Técnico do AECT Rio Minho, Lois Pérez Castrillo.

En conxunto, no seminario, falarase sobre a sustentabilide na cadea de valor da alimentación no AECT, e sobre as bases para que esa cadea de valor ou cluster sexa compartida no conxunto do territorio.

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, que será a encargada de inaugurar o evento, anima á veciñanza a participar neste encontro que “pon enriba da mesa un tema tan importante para o Concello como é a sustentabilidade dun dos sectores clave para o desenvolvemento socioeconómico da contorna”.

O seminario terá lugar ás 16:30 horas no Centro Social Polivalente de O Rosal e está aberto a toda a poboación, mais para garantir a súa praza, as persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia no correo electrónico geral@aectriominho.eu.