O Rosal adestra a súa mente no taller de memoria da Asociación de Persoas Maiores

As clases comezarán a vindeira semana en horario de mañá ou tarde. Máis información e inscricións no teléfono 661 280 976

 

O Rosal adestra a súa mente no taller de memoria da Asociación de Persoas MaioresA Asociación de Persoas Maiores do Rosal pon en marcha en colaboración co Concello un novo taller de memoria que busca ofrecer ás persoas maiores ferramentas prácticas para exercitar a súa mente e mellorar así a súa calidade de vida.

A iniciativa arrancará a vindeira semana no Centro Social Polivalente e permitirá escoller entre dúas opcións: os martes a partir do 21 de xaneiro en horario de tarde ou os xoves en horario de mañá, comezando o día 23. Un espazo pensado para que as e os participantes non só melloren as súas habilidades cognitivas, senón que tamén desfruten dun tempo de socialización e aprendizaxe compartida.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia de promover este tipo de iniciativas para o benestar da veciñanza e agradece o labor que realizan dende a Asociación de Persoas Maiores para un envellecemento activo e saudable. A rexedora animou a todas e todos os maiores a participar neste taller “que non sé unha oportunidade para adestrar e reforzar a súa memoria, senón tamén para seguir creando lazos e compartindo experiencias”.

Todas as persoas interesadas poden obter máis información ou inscribirse a través do teléfono 661 280 976.