O ROSAL ADXUDICA A INSTALACIÓN DAS CALDEIRAS DE BIOMASA NA CASA DO CONCELLO E NA ESCOLA DE PANCENTEO

As obras, cun custo de máis de 125.000 euros, están cofinanciadas polo Instituto Enerxético de Galicia e fondos propios

Novos pasos para facer do Rosal un municipio máis sostible. O Concello vén de adxudicar a subministración e instalación de dúas caldeiras de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casas Consistorial e na Escola Unitaria de Pancenteo, unha renovación que “permitirá facer destes dous edificios catalogados por Patrimonio instalacións máis respectuosas co medio ambiente”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello inicia así un camiño cara a transformación paulatina do sistema de calefacción dos edificios públicos nos que o emprego de combustibles fósiles dará paso a outras formas de enerxía renovables. A renovación de caldeiras comezará pola Casa do Concello e a Escola Unitaria de Pancenteo despois de que un estudo pormenorizado do estado dos sistemas de calefacción das instalacións públicas constatara que se trataban das caldeiras máis obsoletas e que se atopaban ao final da súa vida útil.

O uso desta nova fonte de enerxía nestas dúas instalacións “permitirá reducir as emisións de CO2 á atmosfera e favorecerá a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada”. “Avanzamos pouco a pouco cara a unha maior sostibilidade e eficiencia enerxética, deixando de lado caldeiras de gasóleo antigas e pouco eficientes por outras que proporcionarán unha maior eficiencia. O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”, destaca a rexedora.

As obras de instalación, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, contarán cun investimento de máis de 94.000 euros para a caldeira da Casa do Concello e case 31.000 euros para a da escola unitaria. En total serán máis de 125.000 euros cofinanciados con fondos propios do Concello e polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.