29 Out 2024 O Rosal afina o talento musical coas Xornadas Instrumentais Eurocidade
Expertas e expertos impartirán master class gratuítas para residentes, alumnado e membros das bandas e centros musicais do Rosal, A Guarda e Caminha
O Rosal enche de música o auditorio municipal con mestres e mestras de recoñecido prestixio nun ciclo de master class que promete inspirar, mellorar e fortalecer a paixón musical do concello e da contorna. Concello e Agrupación Musical do Rosal organizan as Xornadas Instrumentais Eurocidade, clases formativas gratuítas dirixidas a residentes na futura Eurocidade da Foz do Miño, alumnado que curse estudos musicais ou membros do Conservatorio Elemental da Guarda; da banda de música da Agrupación Musical da Guarda; da Escola de Música, da banda ou do Conservatorio profesional da Agrupación Musical do Rosal; da academia de música Fernándes Fão ou da Sociedad Musical Banda Lanhelense.
Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, estas xornadas “son unha oportunidade excepcional para que as nosas e nosos estudantes aprendan directamente de profesionais de renome, todas e todos eles vencellados á Agrupación Musical do Rosal dende os seus inicios. Pero, sobre todo, é unha oportunidade para seguir fortalecendo o tecido musical na nosa Eurocidade, dando pulo aos novos talentos e situando á comarca como referente musical”.
As xornadas desenvolveranse durante os meses de novembro e decembro no auditorio municipal do Rosal e contarán cun cartel de profesorado de primeiro nivel. As clases, cun enfoque práctico, serán de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. A inscrición está xa aberta en liña e as persoas interesadas poderán solicitar máis información a través de WhatsApp 609 866 792.
Entre as e os profesores invitados destacan José Manuel González, trompista da Orquestra Sinfónica de Castela e León, que abrirá as sesión o sábado 2 de novembro, e o oboísta Avelino Ferreira, colaborador habitual da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Real Filharmonía, que impartirá a súa master class o domingo 3 de novembro.
A vindeira semana será a quenda do tubista Rubén Fernández Álvarez, músico con recoñecementos e premios como o do Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’ que estará no Rosal o sábado 9 de novembro. Pola súa banda, o 16 de novembro será a quenda de Sara Pumar, clarinetista formada no Conservatorio Superior Katarina Gurska e na escola Superior de Música de Valencia; do trompetista José Miguel Pérez, profesor da Escola de Música do Rosal; e de Hugo Lomba, saxofonista especializado en música clásica e contemporánea, integrante do cuarteto Litore Quartet. As Xornadas Instrumentais Eurocidade rematarán o sábado 7 de decembro coa master class de Javier Alonso, director da Agrupación Musical do Rosal.
“Cada música e músico ten a súa experiencia e o seu propio camiño. O máis interesante destas xornadas é que cada unha das persoas participantes poida experimentar en primeira persoa o que supón dedicarse a esta paixón de forma profesional”, sinala a rexedora. Para Ánxela Fernánde Callís, “a música é un dos pilares da nosa cultura e estas xornadas son unha aposta clara polo talento da nosa mocidade e pola colaboración transfronteiriza, impulsando proxectos de excelencia musical e mantendo a tradición viva”.