26 Xuñ 2024 O Rosal aposta pola sostibilidade coa renovación do seu alumeado público
O Concello iniciou a modernización das luminarias cun investimento de 1,2 millóns de euros que permitirá un aforro enerxético do 72%
O Concello do Rosal continúa a dar pasos importantes cara a un futuro máis verde e sostible coa renovación do alumeado público municipal. Un ambicioso proxecto que supón un investimento de 1,2 millóns de euros e que permitirá mellorar a eficiencia das luminarias, reducindo o consumo enerxético nun 72%.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “a modernización das luminarias non só representa un aforro enerxético e económico para o Concello, senón que tamén é un grande avance na nosa loita contra o cambio climático e na consecución dos obxectivos da nosa Axenda 2030. Temos que dar exemplo de como as administracións locais poden liderar o camiño cara á transición ecolóxica”.
A modernización do alumeado público é un proxecto de grande envergadura para o que o Concello conseguiu captar case 1,2 millóns de euros de fondos europeos NextGenerationEu ao abeiro do DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, un programa destinado ao investimento en proxecto singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico.
Como sinala o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, “estamos a traballar con tecnoloxía de última xeración para ofrecer á veciñanza un alumeado público eficiente, fiable e respectuoso co medio ambiente. Unha actuación que tamén permitirá reducir a necesidade de reparacións e mantementos constantes e co que conseguiremos un aforro significativo da factura enerxética anual, liberando recursos para outros proxectos e servizos esenciais para rosaleiros e rosaleiras”.
A través deste proxecto, o Concello renovará 2.814 luminarias públicas, das que 2.463 están xa a ser substituídas por novas lámpadas de tecnoloxía LED. Con esta modernización das luminarias, o Concello poderá reducir o nivel de iluminación para axustarse segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, implantando a telexestión en todas elas, o que permitirá regular intensidades e consumos. Nas luminarias que non se substitúan cambiarase a fonte de alimentación para integralas no novo sistema. Ademais, tamén se están a renovar os cadros de mando e a realizar outras melloras técnicas.
Deste xeito, o Concello non só poderá regular intensidades e consumos das luminarias públicas e diminuíndo a contaminación lumínica, senón que tamén reducirá a emisión de gases de efecto invernadoiro en polo menos 448 tCO2 eq/ano, reducindo o consumo enerxético anual en polo menos 860.000 kWh/ano.
Con esta actuación o Concello do Rosal demostra unha vez máis o seu compromiso coa sostibilidade e a eficiencia enerxética, avanzando cara a un futuro máis limpo e eficiente para a veciñanza.