O Rosal aprenderá a identificar as aves da contorna polo seu canto

O Rosal aprenderá a identificar as aves da contorna polo seu canto

O Concello organiza o 7 de abril a segunda edición do obradoiro ‘A lingua das aves’, unha ruta accesible e de balde dende o parque do Tamuxe ata as Aceñas

Tras o éxito da primeira edición, o Concello organiza o segundo obradoiro ‘A lingua das aves’, unha interesante ruta pola Senda de Pescadores e o río Tamuxe na que as persoas participantes poderán descubrir as aves que viven na contorna, aprender a identificalas polo seu canto e saber como e por que chían, ademais de promover actitudes de respecto cara ao medio rural.

A actividade celebrarase o domingo 7 de abril, con saída ás 10.00 horas dende o parque do Tamuxe e remate ás 13.00 horas na área recreativa das Aceñas. Trátase dun percorrido dun quilómetro de dificultade baixa e totalmente accesible no que as e os participantes achegaranse á lingua das aves a través de contidos teóricos e prácticos adaptados ao público.

Durante o encontro aprenderán máis sobre a comunicación nas aves, os seus cantos e reclamos, farán un pequeno recorrido pola historia evolutiva do canto e coñecerán as claves para diferenciar unhas especies de outras polo seu cantar. Ademais, durante a ruta utilizarán aplicacións móbiles de ornitoloxía para identificar estas especies polo son.

A ruta será de balde e contará con prazas limitadas, polo que para participar será necesario inscribirse previamente. As persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición a través do correo electrónico info@biophilia-ambiental.es ou do teléfono 693 56 26 74.