O ROSAL APROBA A MODIFICACIÓN DO IBI URBANO PARA FACELO MÁIS SOSTIBLE

A moción, que se aprobou por maioría absoluta, incorpora medidas contra o cambio climático

O Rosal, 25 de outubro de 2023.- O Rosal aprobou onte en pleno extraordinario a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles IBI. A moción, presentada polo equipo de goberno, busca tres obxectivos principais: adaptar o gravame á actual situación económica, xa que non se modificaba dende 2006, por outra banda adecualo á media dos concellos galegos, e por último introducir unha serie de bonificacións relacionadas co uso de enerxías limpas. A medida susténtase na necesidade de facer máis eficaz e sostible a xestión económica do concello, e adecuar o tributo máis importante dos concellos á realidade actual coa finalidade de seguir na vangarda dun concello responsable e referente na xestión económica, que foi quen nos últimos anos incluso de dar un salto importante máis alá dos recursos ordinarios na captación de recursos externos.

A medida afecta únicamente ao IBI urbano, e supón unha suba do actual 0,45% ata 0,58%, o que sitúa ao O Rosal dentro da franxa media dos concellos galegos con poboación similar. Este tipo de axustes estanse a levar a cabo en outros moitos concellos de Galicia como resposta a situacións similares. Un bo exemplo e A Guarda, que hoxe mesmo leva a pleno unha medida similar.

A loita contra o cambio climático e a Axenda 2030 tamén están presentes nesta medida, que incorpora unha bonificación potestativa por instalación de sistemas para o aproveitamento térmico e/ou eléctrico da enerxía proveniente do sol.