28 Mai 2021 O ROSAL APROBA EN PLENO UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA DIFERENTES PROXECTOS DE INCLUSIÓN SOCIAL, SENDEIRISMO E INFRAESTRUTURAS
Luz verde sen ningún voto en contra á modificación para a posta en marcha dun proxecto piloto para crear co tecido educativo e asociativo iniciativas de inclusión de persoas con e sen diversidade funcional
O Concello tamén deu o visto e prace a un investimento de 3.500€ para realizar un estudo das rutas de sendeirismo para a posta en valor do espazo natureza. Aprobada por unanimidade a moción para solicitar medidas de compensación polo impacto socio-económico do peche de fronteiras
O Concello do Rosal aprobou este xoves 27 en pleno sen ningún voto en contra todos os puntos levado á sesión celebrada no Centro Social Polivalente, entre os que se atopaba unha modificación de crédito extraordinario para levar adiante diferentes proxectos de inclusión social, sendeirismo, urbanismo e infraestruturas.
Luz verde a este cambio orzamentario con sete votos a favor e seis abstencións que permitirá a posta en marcha dun proxecto piloto transversal para crear xunto co tecido educativo, deportivo e asociativo do Rosal iniciativas de inclusión de persoas con e sen diversidade funcional. “No Concello temos un firme compromiso coa inclusión. Este proxecto permitiranos transformar a nosa realidade e camiñar cara un Rosal máis diverso e cheo de xustiza social”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Cun investimento de pouco máis de 7.000€, este proxecto ten entre os seus obxectivos aumentar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás do tecido asociativo e crear de forma conxunta un plan de acción para o desenvolvemento de iniciativas nas que queiran ser representadas.
Dentro desta modificación de crédito tamén ía incluída unha petición de 3.509€ para realizar un estudo pormenorizado do estado actual no que se atopan as rutas de sendeirismo rosaleiras co obxectivo de determinar cales delas poden ser desfrutadas pola veciñanza e polo turismo de natureza, que tanta importancia ten gañada nos últimos tempos.
Por outro lado, o pleno aprobou por unanimidade a moción presentada por Alcaldía solicitando medidas de compensación polo impacto socio-económico no territorio do río Miño transfronteirizo do peche de fronteiras e das medidas restritivas tomadas polos gobernos español e portugués nos estados de alarma pola pandemia da COVID-19.