Concello e UD Ribera perfilan as necesidades do campo de fútbol da Mata

O ROSAL APROBARÁ EN PLENO O FINANCIAMENTO PARA A RENOVACIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL DA MATA

O proxecto contará cun orzamento de case 335.000 euros e o Concello solicitará diferentes liñas de subvencións para reducir o custo municipal

A sesión plenaria celebrarase este xoves 11 de maio ás 20.30 horas

O Rosal traballa na renovación das infraestruturas municipais, para convertelas en lugares máis inclusivos, accesibles e eficientes. Neste camiño, o Concello aprobará este xoves 11 en pleno a modificación de crédito necesaria para o financiamento do proxecto de renovación do campo de fútbol da Mata, que suporá un investimento de case 335.000 euros.

Trátase dun proxecto redactado por un equipo técnico especializado no que se incorporaron as necesidades técnicas detectadas pola UD Ribera, incluíndo así as demandas dos propios usuarios e usuarias para solucionar posibles problemáticas.

Xunto ao cambio de céspede e ao nivelado e regularización do chan, o proxecto contempla a limpeza das canalizacións do sistema de drenaxe, a colocación dunha varanda de aceiro envolta nunha rede atrapa balóns, o cambio do pavimento deportivo, a instalación dun novo sistema de rego e de megafonía e a colocación dun novo marcador e de dous bancos de exterior para suplentes de 10 prazas. Entre as melloras, inclúese ademais a creación dunha galería de aluminio con cristais de seguridade e a substitución dos paneis no túnel de vestiarios por pezas de metacrilato resistente aos impactos dos balóns.

O Concello está a traballar para solicitar dúas novas liñas de subvención para o cofinanciamento do proxecto, unha da Xunta de Galicia e outra do Consejo Superior de Deportes do Ministerior de Cultura y Deporte. “Estas dúas axudas para a mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade permitirían reducir de forma significativa a achega municipal para a transformación integral das instalacións do campo de fútbol da Mata”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este proxecto de remodelación das instalacións complementa os traballos de mellora da accesibilidade dos vestiarios, realizando obras para unha nova distribución coa eliminación dos espazos dedicados ao almacenamento de material de adestramento e dun dos vestiarios para salvar as dificultades de acceso que existían.

A sesión terá lugar ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello.