O ROSAL BUSCA A DOUS MOZOS OU MOZAS PARA OFRECERLLES O SEU PRIMEIRO EMPREGO

As contratacións serán a través do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación de Pontevedra. As persoas interesadas deberán estar inscritas no SEPE como demandantes de emprego ou de mellora de emprego

O Concello do Rosal busca a dúas persoas novas para ofrecerlles o seu primeiro emprego. Trátase de dúas contratacións que se realizarán ao abeiro do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación de Pontevedra, a través da que se ofertará un posto para unha persoa graduada en Dereito e outro para unha persoa graduada en Administración e Xestión Pública.

Ambos os dous contratos serán a xornada completa e terán unha duración de 12 meses.

“Participando nesta iniciativa temos a oportunidade de achegar á nosa mocidade ao mundo laboral  e de facilitarlles que poñan en práctica todos os seus coñecementos dunha forma guiada e acompañada nos proxectos que estamos a levar a cabo no Concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) cos seguintes códigos de ocupación:

Graduados en Dereito:

  • 36121018 – Asistentes xurídico-legais
  • 37111027 – Persoal técnico de servizos xurídicos e/ou similares

Graduados en Administración e xestión pública

  • 36111015 – Supervisores de secretaría

 

Ademais de estar en posesión das titulacións requiridas, todas as persoas interesadas en optar á praza deberán estar empadroadas nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra, ter rematado os seus estudos hai un máximo de tres anos, sen experiencia profesional ou formativa na mesma actividade dentro do Concello máis de tres meses ou que non estean contratadas en prácticas no momento da selección nalgún dos programas da Deputación de Pontevedra.

As persoas que ocupen a praza terán un contrato formativo de seis meses prorrogables outros 6 e un salario bruto mensual de 1.640,51 euros. O sistema de selección será o de concurso, valorándose o expediente académico, a posesión de outras titulacións académicas relacionadas e a formación complementaria recollida na convocatoria, segundo os criterios que se recollen nas bases da convocatoria:

  1. A) expediente académico: ata un máximo de 4,00 puntos, segundo a nota media calculada para as titulacións universitarias polo Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro. No caso de que a media dalgunha das titulacións convocadas non fose calculada polas normas referidas ou esta non se especifique valorarase con 0,00 puntos.

Valorarase coa mínima puntuación de 0 puntos aos/ás aspirantes que conten coa mínima nota de 5 puntos esixidos para aprobar os correspondentes estudos e un máximo de 4 puntos aos/ás aspirantes que conten cunha media nos estudos de 10 puntos, máxima nota posible.

O resto das notas medias comprendidas entre os 5 e os 10 puntos valoraranse proporcionalmente.

Deberá presentarse documento oficial que acredite que o cálculo da nota media do expediente académico realizouse conforme ao Real Decreto 1125/2003 ou Real decreto 1147/2011, segundo corresponda. En caso de non constar esta circunstancia en ningún documento, se puntuará con 0,00 puntos.

  1. B) Por ter un doutoramento relacionado co contido do posto: 2,00 puntos
  2. C) Por cada título oficial de máster universitario ou título propio da universidade de máster relacionado co contido do posto: 0,50 puntos cada un, ata un máximo de 1 punto.
  3. D) Por posuír unha titulación académica oficial distinta e relacionada co posto de traballo que se vai a desempeñar, de nivel igual ou superior á esixida para a formalización do contrato formativo: 0,50 puntos por título, ata un máximo de 1 punto (neste apartado non se terán en conta as titulacións de nivel inferior que sexan necesarias para a obtención doutras de nivel superior nin as de máster ou doutoramento)
  4. E) Por asistir a cursos de especialización, formación e perfeccionamento organizados por centros oficiais dependentes da Administración do Estado, da comunidade autónoma ou da Administración local, universidades, colexios oficiais ou escolas da Administración pública directamente relacionados co posto que se vai desempeñar (incluídos os organizados por sindicatos no marco do Acordo nacional de formación continua): ata un máximo de 2 puntos, que se computarán do seguinte xeito:

— De máis de 150 horas duración: 0,30 puntos por curso

— De entre 100 e 150 horas de duración: 0,25 puntos por curso

— De entre 60 e 99 horas de duración: 0,20 puntos por curso

— De entre 30 e 59 horas de duración: 0,15 puntos por curso

— De entre 10 e 29 horas de duración: 0,10 puntos por curso

— Por acreditar o nivel de coñecemento da lingua galega co Celga 3 nos postos de ciclo superior ou medio ou Celga 4 nos de licenciatura, grao ou diplomatura: 0,50 puntos

Non se terán en conta os certificados ou diplomas nos que non se especifique a duración do curso en número de horas ou créditos. Tampouco se computarán as xornadas, congresos, seminarios ou cursos de duración inferior a dez horas.

As persoas candidatas que accedan con titulacións de Licenciatura, Arquitectura ou Enxeñería (títulos pre-Boloña) que teñan un certificado da súa correspondencia co nivel 3 MECES (Marco español de cualificación para a educación superior) terán unha puntuación de 0,50 puntos, equivalente a un máster universitario. Esta circunstancia deberá ser alegada pola persoa solicitante no momento da presentación da solicitude e participación.

Nesta fase só se terán en conta os méritos que se xustifiquen documentalmente no prazo de presentación de instancias