
09 Abr 2025 O Rosal busca a ollada experta da veciñanza para encher de imaxes o calendario do 2026
O Concello abre o prazo de recollida de fotografías con panorámicas do Rosal para confeccionar o almanaque do vindeiro ano, que volverá ter un carácter participativo
O Rosal busca a ollada única da súa veciñanza para crear o calendario anual de 2026. O Concello ven de abrir o prazo de envío de fotografías para participar na confección do almanaque do vindeiro ano, un proxecto que se ven realizando dende hai cinco anos que busca a participación activa de todos os rosaleiros e rosaleiras para ilustrar os doce meses e a portada do calendario.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “o almanaque converteuse en moito máis que unha axenda, é unha homenaxe á identidade colectivas, ao noso patrimonio, á contorna que nos rodea e ao que nos fai ser quen somos”.
O tema escollido para esta ocasión son as ‘Panorámicas do Rosal’, unha oportunidade para capturar, desde puntos elevados ou con boas vistas, a beleza das parroquias e os recunchos rosaleiros máis significativos do municipio dende diferentes puntos de vista. A participación está aberta a toda a veciñanza, que poderá enviar un máximo de 10 fotografías por persoa en cor e formato horizontal ao correo electrónico calendario2026@orosal.gal antes do 31 de outubro de 2025 ás 23.59 h. As imaxes deben levar ademais nome do autor ou autora, nome e localización do camiño e data na que foi tomada a imaxe.
“As nosas vistas din quen somos, contan a nosa historia sen palabras. Queremos que sexa a xente do Rosal quen mire, capture e comparta eses momentos que fan único o noso territorio”, explica a rexedora, que anima á veciñanza “a achegar a súa ollada, a súa sensibilidade e a súa creatividade para construír entre todas e todos un calendario que volva ser reflexo de nós mesmos”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, destaca o valor desta iniciativa como ferramenta de dinamización cultural e participación cidadá: “Este calendario é xa un símbolo do noso concello, un proxecto colectivo que medra cada ano grazas á implicación da xente. Este 2026 queremos seguir ampliando horizontes e panorámicas, literal e metaforicamente, coas miradas da nosa veciñanza”.
As imaxes seleccionadas serán elixidas por un xurado formado por persoal técnico do Concello e fotógrafos locais atendendo á calidade técnica e artística e procurando a maior variedade xeográfica posible. As persoas autoras das fotos seleccionadas cederán o seu uso para a edición do calendario e outras accións de promoción durante os dous anos seguintes.