O Rosal busca alternativas sostibles ao caucho para a base do campo de fútbol da Mata

O Rosal busca alternativas sostibles ao caucho para a base do campo de fútbol da Mata

Unha delegación do Concello visitou as instalacións da Cidade Deportiva do SC Braga, que levan empregando unha base de cortiza dende 2018

O Concello busca alternativas sostibles para empregar como base do céspede artificial na próxima remodelación do campo de fútbol da Mata. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo; e o edil de Vías e Obras, Germán Fernández visitaron as instalacións da Cidade Deportiva do SC Braga xunto ao seu director, Paulo Ferreira, para coñecer a súa experiencia tras empregar cortiza como base dende 2018.

“Dende o Goberno municipal traballamos na renovación das infraestruturas municipais para convertelas tamén en lugares máis eficientes. Por iso buscamos alternativas ao tradicional recheo de granulado de caucho, adiantándonos á normativa da Unión Europea que entrará en vigor no 2030 e que non permitirá empregar este material nos campos de céspede sintético por ser unha fonte de emisión de microplásticos”, resaltou Fernández Callís.

Biodegradable, 100% natural e con nulo impacto no subsolo, a cortiza presenta vantaxes fronte aos recheos tradicionais. Este material mellora a experiencia de xogo ao achegar confort na pisada, illa da calor polo que é menos abrasivo para as fibras de céspede alongando a súa vida útil, precisa menos rego e permanece húmido máis tempo.

O Concello seguirá estudando diferentes alternativas para substituír ao caucho no recheo do renovado campo de fútbol da Mata, como pode ser a cáscara de piña, un material co que xa están a traballar empresas galegas.