O Rosal busca nenos, nenas e adolescentes implicados para crear o primeiro grupo de participación infantil e xuvenil do Concello

O Rosal busca nenos, nenas e adolescentes implicados para crear o primeiro grupo de participación infantil e xuvenil do Concello

As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse a través de diferentes vías  

O Rosal busca nenos, nenas e adolescentes comprometidos e implicados para crear o primeiro grupo de participación infantil e xuvenil do Concello. En colaboración co CPI Manuel Suárez Marquier, o Concello puxo en marcha xa esta semana diferentes sesións informativas dirixidas a alumnado de 9 a 17 anos para informalo sobre a creación deste grupo que busca darlle voz á rapazada rosaleira.

A posta en marcha deste grupo de participación é un dos pasos adiante que está a dar O Rosal para conseguir de aquí a 2026 o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral.

“Isto supón un fito importante no noso compromiso en dar voz á rapazada, porque queremos que se sintan escoitados e valorados nas decisións municipais que lles afectan de xeito directo. Cremos firmemente na importancia de involucrar á nosa infancia e mocidade para construír un futuro mellor para todas e todos”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo deste grupo de participación é ser altofalante para que infancia e mocidade poidan facer chegar ao Goberno local as súas ideas, debatendo, analizando e buscando propostas de mellora sobre todas aquelas cuestións que lles afectan para trasladalas e conseguir así un Rosal máis amigable e que se adapte ás verdadeiras necesidades da infancia e da adolescencia. Dáse así un paso máis para garantir o seu dereito a ser escoitados e tidos en conta.

A campaña comezou en 4º de educación primaria e nas vindeiras semanas seguirá achegando ao alumnado do resto de cursos a información necesaria sobre o funcionamento deste grupo, os seus obxectivos e todo o necesario para entrar a formar parte del.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa a través do enderezo electrónico participacion@ateliersocial.org, do número de teléfono 604 086 970 ou dun formulario que se habilitará na web municipal proximamente.

A rexedora anima a todos os nenos, nenas e adolescentes a unirse a este importante proxecto “e ser parte do cambio que queremos no noso concello. As vosas voces son fundamentais para ter un futuro máis xusto e equitativo para todas e todos”.

 

O Rosal busca nenos, nenas e adolescentes implicados para crear o primeiro grupo de participación infantil e xuvenil do Concello