O ROSAL CÁMARA FEST PECHA A SÚA CUARTA EDICIÓN CON CAMERATA ARVEN

O concerto terá lugar na Igrexa de Santa Mariña mañá, ás 21 horas, e inclúe unha ruta guiada

O IV Rosal Cámara Fest remata mañá cun concerto da formación Camerata Arven, que se realizará na Igrexa de Santa Mariña ás 21 horas. A actividade é aberta ao público e de balde. Ademais do concerto, realizarase unha ruta guiada pola zona, tamén de balde, para a que é precisa a inscrición previa no teléfono 677.783.296 ou no email patri@amodoturismo.com.

Camerata Arven é un grupo de músicos profesionais, moi dinámico en canto repertorio, e que aposta polos novos compositores. Desde 2018 son a formación residente dos seminarios de dirección do Centro Superior de Música de Galicia.

Con Camerata Arven remata esta cuarta edición do Rosal Cámara Fest, que comezou o 20 de xullo e ofreceu oito concertos e catro actividades paralelas en diferentes espazos do Concello do Rosal. Nesta edición, propúxose un cartel máis ambicioso, que fixo medrar o alcance dos concertos, convidando a bandas, agrupacións e corais de diferentes puntos de Galicia.