27 Ago 2024 O Rosal Cámara Fest pecha a súa quinta edición cunha gran resposta da veciñanza
Os seis concertos celebrados este ano levaron a música a diferentes lugares máxicos do Rosal
A quinta edición do Rosal Cámara Fest puxo punto e final a semana pasada a dous meses de variada actividade musical, nos que o encontro consolidouse un ano máis como un evento de gran referencia no Baixo Miño.
O festival é unha aposta completamente diferenciadora a nivel galego, ao tratarse dun ciclo de música de cámara que combina as actuacións de músicos da Agrupación Musical do Rosal con outros de gran prestixio, como foi este ano o caso de Hércules Brass.
Foi de feito este quinteto de metais o encargado de arrincar esta edición do festival, coa Igrexa de Santa Mariña como escenario dunha memorable actuación que serviría como punto de partida a dous meses cheos de música. Este mesmo espazo foi o encargado tamén de pechar xullo coa actuación do Ensemble Nani Matos. Xa en agosto, continuou a programación do Rosal Cámara Fest o día 2 co recital de Ella Cordon ao piano e Hugo Lomba ao Saxofón, que tivo lugar na Sociedade Recreativa de San Miguel. Pola súa parte, a actuación do Grupo de Clarinetes Kla-son actuou na Praza de Novás o 13 de agosto, mentres que o Ensemble de Saxofóns Emilio Rodríguez e a Big Band da AMDOR ofreceron un concerto conxunto na Praza de Fornelos o 14 de agosto, todos cunha marabillosa resposta por parte dos asistentes.
Os encargados de pechar este ciclo de concertos foron o Quinteto de Vento de Micas, cunha actuación celebrada o 20 de agosto que non deixou indiferente a ninguén, nin pola calidade do concerto nin polo magnífico escenario que foi a Capela de San Vicente de Marzán.
Culminou así un ano máis do festival, cunha fantástica resposta do público rosaleiro, e evidenciando a súa importancia para a dinamización cultural do municipio, xa que, tal e como destacou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “o Rosal Cámara Fest consolídase ano tras ano grazas ao traballo da Agrupación Musical do Rosal, convertíndose nunha cita de referencia que ofrece unha combinación perfecta entre música de cámara e o valor patrimonial e natural de diferentes localizacións do Rosal.”