O ‘ROSAL CÁMARA FEST’ VOLVE ENCHER DE MÚSICA AS PARROQUIAS NA SÚA III EDICIÓN

O festival que xurdiu en plena pandemia xa é unha das citas máis importantes na programación cultural do Rosal

Ao longo deste mes de agosto, a música de cámara volverá ecoar en cada recuncho do Rosal. Concello e Agrupación Musical do Rosal presentaron a III edición de ‘O Rosal Cámara Fest’, un festival que naceu na época das restriccións de aforo como unha adaptación do festival de Músicos Xoves e que este ano reafírmase como evento cultural de referencia con concertos nas parroquias do municipio, apoio ao comercio e visitas guiadas pola contorna.

O Rosal Cámara Fest comeza o venres 5 co concerto de Simant Dúo na Abadía das Eiras (ou en caso de choiva realizarase no Auditorio Municipal). As e os rosaleiros teremos o pracer de contar co trompetista Rubén Simeó e mailo pianista Morant, que se atopan inmersos nunha xira europea e que ofrecerán, sen dúbida algunha, un concerto para o recordo. As entradas pódense adquirir, por un módico prezo de 6€, premendo na seguinte ligazón.

A presente edición mantén as rutas guiadas antes dos concertos e, como novidade, inclúe unha “experiencia apícola”: os días 17 e 21, en horario de mañá, a veciñanza terá a oportunidade de coñecer de preto as instalacións e o proceso de elaboración do mel cunha visita guiada a Mel Niño do Corvo.

Este festival tamén busca apoiar ao comercio local. Durante os concertos sortearanse vales de compra nos comercios da Asociación de Comerciantes do Rosal.

Dende o Concello, a alcaldesa Ánxela Fernández Callís agradece “o labor imprescindíbel da Agrupación Musical do Rosal para organizar este festival” e convida “a todas e todos os veciños do Rosal a aproveitar ao máximo a oportunidade que brinda o festival de mesturar música e patrimonio: “o formato de O Rosal Cámara Fest é propicio para que as e os rosaleiros poidamos valorar e sintamos orgullo dos nosos espazos”.

 

Programa

Venres 5 – 22 h – Abadía das Eiras

Simant Dúo

Luns 8 – 21 h – Adega Lagar de Cervera – Fornelos

Ensemble de Clarinetes Klason

Mércores 10 – 21 h – Praza de Novás

Banda da Escola de Música

Mércores 17 – 21 h – Praza de Maio – Tabagón

Big Band AMDOR

Sábado 20 – 20.30 h – Colexio da Mata

XXXI Festival de Músicos Xoves

Banda de Música Popular de Rubiós

Unión Musical de Valladares

Agrupación Musical do Rosal

Domingo 21 – 20 h – Igrexa de Sta. Mariña

XXXI Festival de Músicos Xoves

Coral Polif. San Mamede (Zamáns)

Coro Diapasón (Ferrol)

Coral da Agrupación Musical do Rosal

Luns 22 – 20 h – Igrexa de S.Miguel

Dúo Lugares Comunes

Quinteto de vento “Suso González”

Martes 23 – 20.30 h – Igrexa de Sta. Mariña

Concerto de solistas AMDOR