O Rosal celebra a vitoria do campión galego junior de ciclismo Iker Rodríguez

O Rosal celebra a vitoria do campión galego junior de ciclismo Iker Rodríguez

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes recibiron ao ciclista no Concello tras o seu recente triunfo no Campionato Estrada 24 de Moaña

O Rosal é canteira de grandes deportistas. O último en colleitar un novo éxito foi o ciclista Iker Rodríguez Lomba, integrante do Club Ciclista Padronés Cortizo que ven de proclamarse campión de Galicia na categoría junior no Campionato Estrada 24 de Moaña, un gran salto na súa carreira deportiva froito do esforzo e do traballo continuado dos últimos anos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, recibiron ao ciclista rosaleiro no Concello para darlle os parabéns e entregarlle un pequeno agasallo en recoñecemento polos seus logros deportivos e por seguir levando o nome do Rosal a cada competición.

A rexedora expresou a inmensa alegría polo logro de Iker Rodríguez, destacando que “o seu triunfo é un orgullo para todo O Rosal. Iker é un exemplo de esforzo, dedicación e paixón polo deporte e esta gran vitoria reflicte de novo a importancia da nosa canteira e dar pulo ao deporte base”. Algo no que coincidía Martínez Crespo, que salientou que “a formación de novos talentos como Iker é fundamental para garantir un futuro brillante para o deporte galego. Por iso dende o Concello seguimos apostando pola promoción deportiva e o apoio ás escolas deportivas, como a do Club Ciclista O Rosal”.

Con esta recepción, o Concello quixo render unha merecida homenaxe a Iker Rodríguez a quen alcaldesa e edil animaron a seguir adiante coa súa carreira, confiando en que este será só un dos moitos triunfos que lle agardan no futuro.