O Rosal celebra o seu Nadal máis sostible

O ROSAL CELEBRA O SEU NADAL MÁIS SOSTIBLE

Veciños e veciñas das parroquias traballan xuntos para crear enxeñosos elementos cos que decorar rúas e prazas nestas datas

Un Nadal diferente é posible. Nestas datas veciños e veciñas das parroquias únense para celebrar un ‘Nadal sostible’ grazas ao deseño e elaboración dunha enxeñosa decoración baseada no respecto ao medio ambiente, a reciclaxe e a reutilización de materiais.

Unha iniciativa que leva moitos anos poñendo en práctica a veciñanza de barrios como Caselas ou O Picón e que nesta ocasión tamén se está a celebrar en Martín, Viso dos Eidos, Novás, Portecelo, San Xián, As Eiras ou A Fecha. “Parécenos un proxecto marabilloso que non só fomenta o coidado do noso medio ambiente, senón que une ás persoas e fomenta a colaboración cunhas xuntanzas moi especiais nas que facer xuntos e xuntas uns bonitos adornos de Nadal, socializando e desfrutando todos e todas da maxia destas datas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Centenares de elementos decorativos feitos cos materiais máis dispares e orixinais que agora xa adornan as rúas e prazas rosaleiras: campás feitas con cápsulas de café usadas, árbores de Nadal de palla ou restos de palés de madeira, bonecos de neve con botellas de plástico ou pneumáticos usados ou ata un belén de grandes dimensións en medio dun pilón, son algunhas das interesantes creacións feitas pola veciñanza e que fai xa as delicias de grandes e pequenos e pequenas.

A rexedora quere felicitar “a toda a veciñanza rosaleira que participa nesta fermosa iniciativa que só fai recalcar o marcado carácter asociativo e colaborativo do noso concello. Porque en canto se lles trasladou a idea dende o Concello de poder facer entre todos un Nadal sostible enseguida os veciños e veciñas se implicaron”. “Estamos convencidos e convencidas de que haberá segunda edición e de que, cada vez, sumarase máis veciñanza a esta iniciativa”, recalca Fernández Callís, que anima a todos os rosaleiros e rosaleiras a visitar estas creativas obras de arte.