O entroido asoma xa no Rosal

O Rosal celebrará o seu desfile de Entroido o venres 8 de marzo

Tras consenso coas comparsas e grupos participantes, en caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan a súa celebración o evento cancelarase definitivamente

O Concello xa ten pechada unha nova data para celebrar o tradicional desfile de Entroido do Rosal. Debido á previsión de choiva que se agarda de novo para esta fin de semana, o evento trasladarase ao vindeiro venres 8 de marzo. Aínda que habitualmente o desfile ten lugar en domingo, o Goberno municipal cambiará a súa celebración para evitar que coincida co San Gregorio, asegurando así unha maior participación e desfrute por parte de toda a veciñanza das diferentes actividades culturais do Rosal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, asegura que aínda que “nos entristece ter que volver pospoñer o desfile do Entroido, a nosa prioridade é garantir a seguridade e o benestar tanto de todas e todos os participantes como do público. Confiamos en que as condicións meteorolóxicas nos permitan levar a cabo este evento tan esperado a vindeira semana”.

Tras consensualo coas comparsas e os grupos participantes neste encontro, en caso de non ser así e de que o mal tempo persista ao longo dos vindeiros días o desfile cancelarase de forma definitiva.

Máis dunha vintena de comparsas, carrozas, grupos e disfraces individuais xuvenil-adulto están chamados a participar no que será “o último intento” para celebrar unha das festas máis agardadas nestas datas no Rosal, que cada ano enche de luz, música e cor as rúas do centro. O venres 8 o desfile terá lugar a partir das 21.30 horas e manterá o seu percorrido pola rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa Ramón Franco ata o cruce coa Lomba.