O ROSAL COMEZA O ANO COA VISITA DUNHA UNIDADE MÓBIL DE DOAZÓN DE SANGUE

O mércores 4 estará na rúa Ramón Franco de 10 a 14 e de 16 a 21 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

O Rosal comeza o ano achegando a súa pinga de solidariedade. O Concello acolle o vindeiro mes de xaneiro unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará dispoñible o mércores día 4 para todas aquelas persoas que queiran achegarse a doar. Como ven sendo habitual, o autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

A Axencia de Doazón anima a toda a veciñanza a non esperar a que se esgoten os recursos e a sumarse ás máis de tres millóns de doazóns xa realizadas en Galicia. Como recomendación, aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, piden que as persoas doantes non acudan se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

As doazóns feitas nas unidades móbiles son procesadas e analizadas nas dependencias centrais da Asociación Galega de Doazón de Sangue e Órganos, grazas ao que é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano. É importante lembrar que os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…