03 Xuñ 2024 O Rosal como modelo de posta en valor do espazo natural e das persoas
Alumnado do mestrado internacional de Arquitectura Paisaxística da Universidade de Trás-os-Montes percorreu o concello analizando a transformación paisaxística e a recuperación do espazo
O Rosal é un exemplo de recuperación de espazos a nivel arquitectónico. O alumnado do mestrado en Arquitectura Paisaxística da Universidade de Trás-os-montes visitou estes días o municipio para coñecer de primeira man un modelo de concello que aposta por valorizar o espazo natural e a contorna poñendo ás persoas no centro de todas as súas actuacións.
O equipo docente e as e os estudantes deste máster recoñecido a nivel internacional, procedente de diferentes partes do mundo, percorreron xunto á alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e parte do Goberno municipal diferentes intervencións realizadas nos últimos anos co obxectivo de transformar O Rosal e recuperar espazo público para as persoas e que exemplifican esa transformación paisaxística.
Así, a delegación visitou a Explanada do Horizonte, na que o alumnado puido comprobar de primeira man a recuperación dun espazo moi transitado por formar parte do Camiño Portugués a Santiago pola Costa. Ademais, tamén visitaron o alto de Portecelo ou o petróglifo de Laxe do Lapón, recuperado e conservado durante a intervención na Explanada do Horizonte, así como distintos puntos do río Carballas.
A visita tamén percorreu a renovada Praza do Calvario, un lugar transformado para que os vehículos deixaran paso ás persoas cun proxecto de recuperación no que se potenciaron os valores paisaxísticos e da contorna, enfocándose en xerar espazos de estancia, convivencia e lecer e en respectar e fomentar o valor patrimonial da zona.
Para a rexedora é “un orgullo recibir a estes futuros arquitectos e arquitecta e mostrarlles o noso compromiso coa posta en valor do espazo natural e coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. As intervencións que realizamos non só transformaron a paisaxe, senón que tamén recuperaron espazos que agora son puntos de encontro para rosaleiros, rosaleiras e visitantes. Agardamos que esta visita fora inspiradora para todas e todos eles e que leven consigo un pouco do noso traballo e esforzo”.
Equipo docente e alumnado amosou un grande interese polos proxectos visitados e eloxiaron o modelo do Concello do Rosal como exemplo de boas prácticas en arquitectura paisaxística e na recuperación dos espazos públicos.