O ROSAL COÑECE A HISTORIA DE ‘ALEJANDRO VIANA, UN GALEGO Á FRONTE DO RESCATE DOS REFUXIADOS REPUBLICANOS’

Roberto Mera presentará o seu libro este venres 13 de maio ás 20.00 horas na biblioteca municipal. Entrada libre ata completar aforo

O Rosal coñece a historia de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos’A pesar do seu papel destacado na recuperación da dignidade das e dos españois refuxiados perdedores da Guerra Civil e na súa evacuación a América cunha ética estrita, a súa figura quedou un pouco esquecida co tempo. É Alejandro Viana, un persoeiro que agora o político e escritor Roberto Mera recupera de forma minuciosa no seu libro ‘Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos’, que presentará este venres 13 de maio a partir das 20.00 horas na biblioteca municipal do Rosal con entrada libre ata completar aforo.

Trátase do primeiro libro de Roberto Mera, que afonda na historia do seu bisavó cunha pequena parte da súa biografía centrada fundamentalmente entre o anos 1939 e 1941, durante a Guerra Civil e o seu exilio en Francia, onde non só axudou ás persoas refuxiadas con alimentación, roupa, sanidade ou onde durmir, senón que tamén embarcou a máis de 17.000 refuxiados e refuxiadas españolas cara a América. Mera vén de conseguir con este libro o Premio Antón Losada Diéguez na categoría de Investigación e Ensaio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que tamén participará no acto, convida a toda a veciñanza a acompañar ao autor na presentación dun libro que busca devolver á memoria a figura dun home que salvou moitas vidas co seu labor.