24 Xuñ 2024 O Rosal conecta á veciñanza co medio ambiente coa exposición fotográfica RURALtXA!
Esta mostra itinerante chegará ao Salón de Exposicións do Concello o vindeiro 26 de xuño
Conectar á veciñanza co medio ambiente. Ese é un dos obxectivos da exposición fotográfica RURALtXA!, unha mostra itinerante que chegará ao Rosal o vindeiro 26 de xuño e que arrancará cunha charla de presentación ás 20.00 horas aberta a todos os públicos.
Ata o vindeiro 10 de xullo e a través dun percorrido visual, a exposición dará a coñecer os valores das turbeiras e queirogais e as actividades tradicionais que sustentan estes hábitats, explorando as relacións entre as xentes e o medio ambiente e destacando flora, fauna e hábitats.
O Concello do Rosal acolle esta mostra que se celebra ao abeiro do proxecto RURALtXA!, unha iniciativa que ten por obxectivo impulsar a bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña ao tempo que promove a conservación da biodiversidade, con especial atención ás turbeiras e aos queirogais.
Este proxecto é un esforzo conxunto das universidades da Coruña e Santiago de Compostela en colaboración coa fundación HAZI e co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos NextGenerationEU.
RURALtXA! lévase a cabo en catro áreas galegas e cinco vascas. En Galicia trabállase en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior en Lugo, así como noutras áreas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba no Baixo Miño. Precisamente nesta última zona o proxecto enfócase na conservación das áreas de queirogal e do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, así como das turbeiras.
Estes queirogais dependen precisamente dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación, polo que a perda destas actividades tradicionais pon en risco a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña. Co impulso e posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais con exposicións como a que acolle estes días O Rosal búscase contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario.
Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, a exposición RURALtXA! ofrece unha oportunidade única para entender a importancia da bioeconomía rural e a conservación da biodiversidade, destacando como as actividades humanas tradicionais poden harmonizarse co medio ambiente para un futuro sostible.