O ROSAL CONMEMORA O 8M REVOLUCIONANDO MENTES

O ROSAL CONMEMORA O 8M REVOLUCIONANDO MENTES

Ao abeiro do 8M o Concello estreou mural, leu unha declaración institucional, organizou unha cadea humana co alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e plantou flores moradas

O Rosal revoluciona mentes, hoxe e os 365 días do ano. Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello puxo en marcha varias iniciativas para visibilizar ante a veciñanza a importancia de acadar a igualdade real, tamén entre os máis pequenos e pequenas.

Xunto á lectura dun manifesto co gallo deste día, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Igualdade, Sara Vicente, inauguraron xunto a Gemma Marqués o mural realizado por esta artista, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro. Na obra aparecen representadas a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama. O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial e o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración para as novas xeracións.

O Rosal conmemorou o 8M tamén cunha cadea humana pola igualdade, un acto aberto á veciñanza no que participaron case 200 nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier e persoas da Asociación Avelaíña. A xornada rematou coa plantación de simbólicas flores moradas.

Ademais, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade.